martes, 9 de xuño de 2026

🌸📸 A primavera a través dos nosos ollos 🌼🌿

 

🌸📸 A primavera a través dos nosos ollos 🌼🌿

Coa chegada da primavera, o alumnado de Educación Infantil converteuse nun auténtico equipo de fotógrafos e fotógrafas. 📷✨

Partindo da palabra PRIMAVERA, durante a asemblea foron pensando e elixindo palabras relacionadas con esta estación tan colorida e especial. Entre todos e todas decidiron que elementos da primavera querían buscar no patio para fotografar. 🌷🐞🌱☀️

Unha vez seleccionadas as palabras, saíron ao patio equipados coas cámaras Instax e puxéronse mans á obra. Observaron con atención a contorna, buscaron os elementos escollidos e sacaron fotografías de todo aquilo que lles lembraba á primavera. 📸🔍

De volta á aula, organizaron o noso material e elaboraron un mural colaborativo. Colocaron as letras da palabra PRIMAVERA, pegaron as fotografías correspondentes e escribiron as palabras que escolleran previamente. 🖍️✏️📷

O resultado foi un fermoso mural cheo de cor, imaxes e aprendizaxes que xa luce nun dos espazos do cole para que toda a comunidade educativa poida gozar del. 🌸💚 


 

📚❤️ O meu libro favorito tamén ten Instagram! 📸✨

📚❤️ O meu libro favorito tamén ten Instagram! 📸✨ 


Quen dixo que os libros non poden ter Instagram? 🤔

Aproveitando a celebración do día do libro, propuxémoslle ao alumnado unha actividade creativa moi divertida: imaxinar como sería unha publicación de Instagram do seu libro favorito. 📖📱

Para participar, cada nena e neno recibiu unha plantilla inspirada nesta coñecida rede social e tivo que debuxar nela o libro que máis lle gusta. 🖍️🎨

A través dos seus debuxos puidemos descubrir historias de aventuras, misterio, humor e fantasía, así como coñecer un pouco mellor os gustos lectores dos nosos alumnos e alumnas. 🌟📚

A actividade encheu o cole de cor e de lecturas recomendadas polos propios lectores e lectoras do centro. 💕📖

Parabéns a todos e todas pola vosa creatividade e por compartir os vosos libros favoritos connosco! 👏😊

 

venres, 22 de maio de 2026

🤖📚 Xogamos con Matata para descubrir a Begoña Caamaño

🤖📚 Xogamos con Matata para descubrir a Begoña Caamaño

O alumnado do 1º ciclo de Educación Primaria achegouse á figura de Begoña Caamaño a través dunha divertida actividade de programación e robótica educativa.

Empregando o robot Matata e un taboleiro deseñado con imaxes relacionadas coa autora e coa súa obra, as nenas e os nenos tiveron que programar os percorridos do robot para chegar aos diferentes elementos do xogo. 

Ao longo da actividade, foron identificando e comentando os distintos debuxos, reforzando así os seus coñecementos sobre a homenaxeada das Letras Galegas.

Esta proposta permitiu traballar o pensamento lóxico e computacional, a orientación espacial, a resolución de problemas e o traballo cooperativo, combinando a tecnoloxía coa aprendizaxe da nosa lingua e da nosa cultura dun xeito dinámico, motivador e divertido.

 


 

martes, 19 de maio de 2026

✨ Unha homenaxe con moita cor 📚🎨

 
✨ Unha homenaxe con moita cor 📚🎨 
 
O alumnado do 1º ciclo de Educación Primaria participou nunha actividade creativa enmarcada na celebración das Letras Galegas. Para realizala, a titora empregou previamente a cortadora láser para elaborar as letras que compoñen o nome e o apelido da autora homenaxeada este ano, Begoña Caamaño.
 
Na aula, as nenas e os nenos encargáronse de pintar cada unha das letras, poñendo en práctica a súa creatividade e o seu gusto polo traballo artístico. 
 
Unha vez rematadas, as letras empregáronse para decorar o stand da radio escolar, escenario dun coloquio dedicado á figura e á obra de Begoña Caamaño. Deste xeito, o traballo realizado polo alumnado contribuíu a crear un espazo acolledor e significativo para unha das actividades centrais da celebración das Letras Galegas no noso centro. 
 
A través desta proposta, ademais de desenvolver a motricidade fina e a coordinación, achegáronse á figura da escritora dun xeito lúdico e participativo. 
 



 

venres, 8 de maio de 2026

🤖📚 Unha xornada de creatividade e tecnoloxía da man de Dismedia

 

🤖📚 Unha xornada de creatividade e tecnoloxía da man de Dismedia

O noso centro recibiu a visita da empresa Dismedia, que desenvolveu unha completa xornada de actividades dirixidas a todo o alumnado empregando o material do programa Polos Creativos, unha iniciativa moi vinculada á nosa Biblioteca Creativa por fomentar a aprendizaxe activa, a experimentación e o desenvolvemento da competencia dixital.

Ao longo da mañá, cada curso participou en propostas adaptadas á súa idade. O alumnado de Educación Infantil realizou unha actividade sobre o espazo empregando Makey Makey, mentres que o alumnado do 1º ciclo de Educación Primaria resolveu diferentes retos por recunchos utilizando os robots Photon e Matatalab.

Pola súa banda, o alumnado do 2º e do 3º ciclo de Educación Primaria participou en circuítos de actividades nos que puido experimentar coa programación e a robótica a través de Photon, Vincibot e Matatalab, superando distintos desafíos que esixían lóxica, creatividade, colaboración e resolución de problemas.

Foi unha experiencia moi enriquecedora na que a tecnoloxía se converteu nunha ferramenta para aprender xogando, espertando a curiosidade do alumnado e fomentando habilidades fundamentais para o seu futuro.






martes, 14 de abril de 2026

✏️🖊️ Deseñando en tres dimensións co bolígrafo 3D

 

✏️🖊️ Deseñando en tres dimensións co bolígrafo 3D

O alumnado de 6º de Educación Primaria puxo a proba a súa creatividade, precisión e destreza nunha actividade na que empregou o bolígrafo 3D para dar vida aos seus propios deseños.

Como primeiro paso, cada alumno e alumna elaborou un bosquexo sobre papel, utilizando a regra e outros útiles de debuxo para conseguir un trazado preciso e ben proporcionado. Unha vez rematado o deseño, chegou o momento de repasalo co bolígrafo 3D, transformando as liñas do papel en creacións tridimensionais.

Esta actividade permitiu traballar a planificación, a orientación espacial, a motricidade fina e a paciencia, ao tempo que o alumnado experimentou cunha ferramenta innovadora que combina arte, deseño e tecnoloxía. Unha experiencia creativa que lles permitiu comprobar como unha idea pode pasar do papel ao volume grazas á impresión 3D manual.








 

luns, 23 de marzo de 2026

"A caza do animal misterioso" 🐾🎯

 

Os nenos e nenas de Educación Infantil convertéronse en auténticos exploradores do mundo animal! 🐾🤖

A través de códigos QR escaneados coas tablets 📱, escoitaron diferentes sons de animais e tiveron que descubrir de cal se trataba. Unha vez identificado, guiaron o robot Verdín ata a imaxe correspondente situada no taboleiro e, ademais, buscaron as letras polas que comeza e remata o nome de cada animal 🔤🐘.

 Con esta actividade traballamos a escoita activa, a conciencia fonolóxica, a orientación espacial e a iniciación á robótica educativa dun xeito lúdico e motivador 🎯✨

 Aprendemos, investigamos e divertímonos moito nesta aventura tecnolóxica polo mundo dos animais! 🦁🎶