🤖📚 Unha xornada de creatividade e tecnoloxía da man de Dismedia
O noso centro recibiu a visita da empresa Dismedia, que desenvolveu unha completa xornada de actividades dirixidas a todo o alumnado empregando o material do programa Polos Creativos, unha iniciativa moi vinculada á nosa Biblioteca Creativa por fomentar a aprendizaxe activa, a experimentación e o desenvolvemento da competencia dixital.
Ao longo da mañá, cada curso participou en propostas adaptadas á súa idade. O alumnado de Educación Infantil realizou unha actividade sobre o espazo empregando Makey Makey, mentres que o alumnado do 1º ciclo de Educación Primaria resolveu diferentes retos por recunchos utilizando os robots Photon e Matatalab.
Pola súa banda, o alumnado do 2º e do 3º ciclo de Educación Primaria participou en circuítos de actividades nos que puido experimentar coa programación e a robótica a través de Photon, Vincibot e Matatalab, superando distintos desafíos que esixían lóxica, creatividade, colaboración e resolución de problemas.
Foi unha experiencia moi enriquecedora na que a tecnoloxía se converteu nunha ferramenta para aprender xogando, espertando a curiosidade do alumnado e fomentando habilidades fundamentais para o seu futuro.



Ningún comentario:
Publicar un comentario